Tuesday 07 de May de 2024

Inícianse as obras no polideportivo de Venecia


Unha vez rescindido o contrato coa empresa que resultara adxudicataria das obras do polideportivo de Venecia, nesta semana iníciase a primeira parte do proxecto tal e como avanzaron o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra). Esta primeira fase focalízase na propia estrutura da instalación deportiva. Substituirase a actual cuberta por unha nova en chapa de aceiro, e no interior renovarase o falso teito, polo que se efectuará a retirada dos paneis existentes e colocaranse outros novos con acabado en aluminio. Procederase tamén co reforzo e tratamento de estrutura da cuberta, polo que se instalarán unhas chapas perforadas para facilitar a ventilación e unha rede nova horizontal para protexe-los paneis. Así mesmo, actuarase nas columnas exteriores para consolidalas, pintaranse estes pilares e as vigas exteriores e repararanse fendas das paredes.

O custo total ascende a 228.617’94 euros, IVE incluído, e o prazo de execución será de cinco meses. Ao tramitarse pola vía da emerxencia, xustificada polo risco que presentaba a estrutura, foi posible adxudicar directamente as obras sen necesidade de sacar a licitación. Cando conclúa comezarase a tramitar a segunda fase, da que, se é necesario, terá que someterse ao proceso de licitación ao non atoparse ao abeiro da vía de emerxencia e que constará do acondicionamento das gradas e dotación de baños accesibles, entre outras cuestións.